Saturday 04 de May de 2024

A Laracha, A Coruña, Arteixo, Carballo e Culleredo acordan unha declaración intermunicipal para definir estratexias territoriais de futuro


Os cinco Concellos conveñen oficialmente poñer en marcha proxectos en mobilidade, industria, dependencia e turismo.

Os Concellos da Laracha, A Coruña, Arteixo, Carballo e Culleredo rubricaron unha declaración intermunicipal que pretende ser un acordo formal que permita comezar a elaborar proxectos conxuntos en temas relacionados coa mobilidade, a industria, o ámbito das persoas dependentes e o turismo. Tras varias reunións nas que estiveron presentes os alcaldes xunto aos técnicos, os cinco Concellos conviñeron que eses catro eixos son nos que poderán colaborar de xeito máis efectivo.

Os Concellos seguirán traballando de maneira conxunta para coñecer que temas ou desafíos teñen plantexados os municipios veciños nas súas respectivas axendas urbanas ou similares, que consideran pagaría a pena abordar de xeito coordinado. Os municipios presentes xa están vinculados por diversas interdependencias e existe unha comunicación en curso.

Este marco de colaboración tamén serve para incrementar o coñecemento mutuo entre os municipios veciños e os obxectivos que ditos concellos teñen plantexados, e crear unhas condicións favorables que permitan que municipios veciños e autónomos a nivel competencial poidan converterse, sen renunciar á súa autonomía, senón partindo dela, en municipios cooperadores.